Wednesday 24 de April de 2024

Alternativa de Bergondo demanda melloras de seguridade viaria en Fiobre e no Pedrido


Alternativa dos Veciños de Bergondo presentará unha moción no próximo pleno municipal para demandar á Xunta de Galicia diversas melloras de seguridade viaria na coñecida como estrada de Ferrol, en Fiobre e na ponte do Pedrido.

No caso de Fiobre, onde xa se ten producido algún atropelo, Alternativa demanda a colocación dun paso de peóns regulado con semáforo activable só con pulsador, instalación de radar fixo no tramo, así como outras posibilidades.

En canto á ponte do Pedrido, tamén de titularidade autonómica, solicítase que se estude e revise a posibilidade de conducir as augas de choiva que caen da calzada da ponte, dende unha gran altura sobre propiedades privadas e o viario municipal que discorre por debaixo dela. A ponte precisaría da lóxica prolongación das baixantes que serven de desaugadoiros da calzada ata unha altura moito menor da existente na actualidade.

Juan Fariña, concelleiro de infraestruturas, urbanismo e medio ambiente ven informando diariamente á alcaldesa da situación de parte da praia de Gandarío, onde a empresa contratada para a súa limpeza estival non está recollendo unha enorme acumulación de restos de algas secas e en fase de descomposición, nunha parte do areal. Fariña amósase perplexo diante da situación, xa que, tal e como asegura; “Eu mesmo fun testemuña da orde directa emitida pola propia alcaldesa mandando facer xa a limpeza desa parte da praia. Resulta sorprendente que -unha semana despois desa orde- aínda non se teña executado a mesma”. Mais tanto a sorpresa como a perplexidade diante da situación creada esténdese tamén entre usuarios da praia e veciños da zona. Todo o mundo se pregunta por que non se limpa a praia ao completo ou por que non se obriga á empresa adxudicataria a cumprir con rigor o contrato asinado. Fariña tamén quere resaltar unha cuestión que ao seu xuízo resulta importante; “En ningún caso nos referimos á retirada do pequeno aporte diario de algas que transporta a marea. Son moi pouca cantidade e, ao contrario do que algunhas persoas aseguran, non poden considerarse, baixo ningún punto de vista, un lixo ou residuo. Son un elemento totalmente natural e desexable no noso litoral. Pero a enorme acumulación putrefacta de restos á que aludimos nada ten que ver con algo desexable. É preciso retirala canto antes.”

Desde Alternativa dos Veciños de Bergondo queremos manifestar a nosa preocupación por este asunto e instamos á alcaldesa a que ratifique de forma tallante as ordes dadas e as faga executar a quen corresponda. Preocúpanos que a imaxe da nosa praia con bandeira azul poida verse afectada ou mesmo que a propia bandeira poida correr algún risco debido a este desafortunado proceder.